martes, 28 de outubro de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS

Cada 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas para lembrar a importancia destes lugares máxicos cheos de historias, coñecemento e soños. Esta data escóllese en recordo da destrución da Biblioteca de Sarajevo en 1992, como símbolo de que os libros e a cultura son camiños para a paz e a esperanza. E no noso cole… tamén quixemos festexalo! 🌟

Os nenos e nenas de Infantil, 1º e 2º de Primaria xuntáronse na nosa biblioteca, onde unha gran caixa misteriosa agardaba por eles. Que agochaba aquel enigmático obxecto? Pois nada menos que… as mochilas viaxeiras deste curso! 🎒✨

Unhas mochilas renovadas, con moito agarimo: lucen un parche feito a man e unha fermosa pintura artesanal creada pola nosa artista local, @hilosyballenas .Dentro de cada mochila, os pequenos atoparán unha folliña de “instrucións”, dous libros cheos de aventuras, un álbum de fotos e un novo amigo da pandilla de Risón. 🐾

Estes gatiños viaxeiros acompañarán aos nenos durante unha semana, compartindo risas, lecturas e momentos únicos. As súas historias quedarán gardadas no noso álbum de recordos, un espazo cheo de emocións, lecturas e maxia. 💖




Ningún comentario:

Publicar un comentario

A FORZA DO LILA: "UN RETO POLA IGUALDADE” Este mes de novembro, coincidindo co mes da igualdade de xénero e da non violencia 💜,  O  no...